Comezan o acondicionamento do novo pavillón de Monte da Vila

Onte chegaron os asentos e a tarima de madeira. Tamén farán obras no exterior para habilitar unha ampla zona de aparcamento. Os clubes deportivos locais terán que agardar uns meses máis para utilizar a nova infraestructura.

FB_IMG_1442316365078
Descarga dos asentos e tarima que serán instalados no novo pavillón de Monte da Vila.    FOTO: Deporte O Grove.

Os veciños da zona de Monte da Vila foron testigos durante a mañá de onte de como se iniciaban os traballos para dotar á nova instalación deportiva grovense dos asentos e tarima de madeira. Durante o proceso de descarga dos novos materiais estiveron presentes tanto o concelleiro de deportes do concello grovense, Santiago Meis, como varios representantes da Asociación do Deporte Meco. Nun principio estaba previsto que estes traballos comezasen antes, pero problemas loxísticos provocaron o retraso na chegada dos materiais para a nova edificación.

O novo pavillón de Monte da Vila acumula un retraso considerable. Durante a fase de construcción, a obra estivo parada en varias ocasións por mor de problemas coa empresa adxudicataria e falta de financiación. Unha vez que quedou rematada a infraestructura, a Xunta de Galicia entregou o novo equipamento ó Concello do Grove. O consistorio local ten a tarefa de dotar á nova infraestructura co equipamento necesario. Tras os asentos e a tarima o paso seguinte será acondicionar o exterior da instalación, habilitando unha ampla zona de aparcamento. Debido á envergadura da obra, será necesario adxudicar esta obra a unha empresa allea ó Concello, polo que os prazos de execución serán máis amplos no tempo. Tamén está previsto a compra de canastas e porterias. A partida presupuestaria municipal que nun principio estaba destinada para a construcción das salas polivalentes e o ximnasio finalmente será destinada a sufragar os gastos de equipación e acondicionamento.

Dende que a nova corporación local tomou as rendas no Concello, a posta en marcha do novo pavillón centrou os eforzos do edil de deportes. Sen embargo, os clubes deportivos grovenses terán que agardar uns meses máis para poder utilizar esta infraestructura.

 

Leave a Reply

Your email address will not be published.