O I Trofeo Rías Baixas de Piragüismo celébrase este domingo entre a Illa, Vilanova, Cambados e O Grove

Dende as entidades organizadoras e colaboradoras do evento esperan que a proba sexa un éxito e que nuns anos acade dimensións internacionais. 

DSC_0017 copia
Representantes dalgunhas das entidades organizadoras e colaboradores do evento na presentación do mesmo no Concello do Grove.               FOTO: Deporte Meco

VER MÁIS FOTOGRAFÍAS

Este mediodía presentouse, na Sala das Cunchas do Concello do Grove, o I Trofeo Rías Baixas de Piragüismo, competición que pasará por 4 localidades arousás que se involucraron de cheo na súa colaboración: Vilanova de Arousa, a Illa de Arousa, Cambados e, como non, O Grove. Na presentación da proba estiveron presentes o presidente da Federación Galega de Piragüismo (FEGAPI), Alfredo Bea, o concelleiro de deportes de Cambados, Víctor Manuel Caamaño, o concelleiro de deportes do Grove, Santiago Meis, un adestrador do Club Náutico O Muíño, José Manuel Vázquez, e o presidente do Breogán, Félix Lamas. 

trofeo rias baixasA proba, que organiza a Federación Galega e que é patrocinada pola Deputación de Pontevedra que, como apuntou o presidente da FEGAPI, destinou 10.000 euros á organización do evento, conta co apoio dos catro concellos involucrados na mesma: Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados e O Grove. O concelleiro de deportes de Cambados, sinalou que esta proba é perfecta para fuxir do localismo e promocionar toda a zona costeira da ría de Arousa así como tamén aos numerosos clubs de piragüismo que albergan as diferentes localidades arousás e, en xeral,  galegas.

Pola súa banda, José Manuel Vázquez, adestrador do Club Náutico O Muíño de Ribadumia, quen acudiu tamén en representación do Concello de Vilanova, salientou que esta é unha proba que se leva pensando dende hai tempo, e que será unha regata moi vistosa. Ademáis, o mesmo domingo, en Vilanova, celébrase tamén outra proba, a 5ª regata da Liga Porvincial de alevíns e benxamíns, regata que reunirá a máis de 500 padexeiros na liña de saída tan só unha hora despois de que dea comezo o Trofeo Rías Baixas.

A proba, segundo explica Alfredo Bea, é de categoría 1, a máis alta, polo que os palistas obterán a maior puntuación das competicións galegas. Nesta regata participarán palistas da categoría absoluta (principalmente senior, con algún xuvenil e veterano) noas barcos grandes, K-1 e C-4. As embarcacións K-4 masculinas sairán da praia do Terrón, en Vilanova de Arousa, ás 10.00h, tendo que realizar un porteo dende a Punta do Xemeliño (Illa de Arousa), e logo dirixirse ao porto de Cambados, onde terán que ciabogar, para logo continuar ata o porto do Grove, onde rematará a proba e se realizará a entrega de premios. As embarcacións C-4 masculinas e K-4 femininas sairán dende a praia da Illa de Arousa tamén ás 10.00h, realizando un percorrido igual ao resto do do K-4 masculino.

Segundo a lista de inscritos, na proba participarán un total de 31 K-4 masculino, 9 C-4 masculino, e 6 K-4 feminino, o que suman 46 embarcacións ou, o que é o mesmo, 184 palistas na liña de saída.

Ademais de trofeos para os 3 primeiros barcos clasificados para cada categoría, e para os tres primeiros clubs da clasificación xeral, esta proba conta con premios económicos para os gañadores. Repartiranse 4000€ entre os clubs: 500€ para o primeiro clasificado, 450€ para o segundo, 350€ para o terceiro, 250€ para os que acaden unha posición entre a cuarta e a novena, 200€ para o décimo, décimo primeiro e décimo segundo, e do décimo terceiro ao vixésimo 100€.

Neste caso, a única embarcación grovense que participará na proba non optará a puntuar, e só poderá recibir trofeo, debido a que a composición do C-4 masculino será mixta. Nesta embarcación participarán Cristian Ribademar, Tono Campos, Miguel Fernández, todos do Breogán, xunto con José Manuel Sánchez do Betanzos e parella de Tono na distancia de maratón. Estaba previsto que o cuarto ocupante do C-4 fose outro deportista do Breogán, Diego Romero, pero unha caída na moto feriulle un brazo, imposibilitando a súa participación na proba. Por este motivo será Sánchez, compañeiro de Tono Campos, quen completará a embarcación que participará nesta primeira edición do trofeo.

Fredi Bea incidiu tamén nada idea de que, esta proba que nace con ámbito galego, pretende ser, en cuestión de 3 ou 4 anos de ámbito nacional e incluso internacional. Para ser a primeira edición xuntáronse máis de 45 embarcacións grandes, polo que nun futuro espérase poder ter na liña de meta a máis de 100 k-4.

Información adicional

Por motivo da celebración da proba, que ten como liña de meta o paseo de Beiramar no Grove, queda prohibido o estacionamento de vehículos nesta zona (inmediacións da fonte dos cabaliños) dende as 9.00h do vindeiro domingo día 6 de setembro.

Leave a Reply

Your email address will not be published.