Os deportistas do Breogán participarán en varias probas esta fin de semana

O club de piragüismo meco enviará representación ó 49º Descenso do Eume, ó I Trofeo Rías Baixas e á 5º regata da Liga Provincial de alevíns e benxamíns.

descenso do miño de ourense
O sábado terá lugar a 49ª edición do descenso do Eume. Na imaxe, padexeiros durante o Descenso do Miño de hai unhas semanas.   FOTO: C.M.D.C. Breogán.
eume

Cartel promocional do Descenso do Eume

Os padexeiros do Club Marítimo Deportivo e Cultural Breogán estarán presentes en tres importantes probas que se celebrarán durante esta fin de semana. A primeira das probas na que haberá representación meca é a 49ª edición da Baixada do Eume, que se disputará en Pontedeume o vindeiro sábado a partires das 17:30 horas. O club de piragüismo grovense tiña previsto enviar á proba coruñesa a dous representantes, entre os que se atoparía Diego Romero, pero por mor dunha lesión no brazo como consecuencia dunha caída na moto, Adrián Fernández Lameiro será o único breoganista que tomará parte neste evento, competindo na proba de C-1 categoría senior.

trofeo rias baixas

Cartel promocional do I Trofeo Rías Baixas

A segunda das probas na que haberá padexeiros breoganistas é o I Trofeo Rías Baixas Deputación de Pontevedra, que terá lugar o próximo domingo. A competición recorrerá a Ría de Arousa, atravesando catro municipios: Vilagarcía, Cambados, Vilanova de Arousa e O Grove. A proba será puntuable para a Liga Galega e na organización participan o Club Náutico O Muíño, Club Illa de Arousa, Club Piragüismo Cambados e o C.M.D.C. Breogán de O Grove. Uns 180 padexeiros tomarán parte na regata, que se disputará na modalidade de K-4 e C-4 en categoría absoluta. Segundo o horario previsto, ás 10:00 horas terá lugar a saída. Por unha banda, os K-4 masculinos sairán dende o areal do Terrón, en Vilanova de Arousa. Os participantes dirixiranse cara a Punta do Xemeliño, na Illa de Arousa. Alí realizarán un porteo duns 150 metros pola praia e poñerán dirección ó porto de Cambados, onde farán unha ciaboga para dirixirse cara o Pavillón de Deportes Náuticos do Grove, onde se situará a liña de meta. Por outra banda, á mesma hora, pero dende a Illa de Arousa, tomarán a saída as embarcacións da modalidade K-4 feminino e C-4 masculino, que realizarán o mesmo percorrido que os padexeiros de K-4 masculino. Para esta proba o Breogán tiña previsto presenta o C-4 masculino que a pasada semana se proclamou vencedor no I Trofeo Princesa de Asturias: Tono Campos, Diego Romero, Miguel Fernández Castro e Cristian Ribademar, pero a lesión de Diego Romero obrigou a cambiar os plans e facer trocos. Finalmente, o club meco presentará un C-4 mixto (con deportistas de dous clubs diferentes) ocupando o sitio de Diego Romero, o padexeiro do Ría de Betanzos, José Manuel Sánchez, que actualmente esta preparando o C-2 con Tono Campos para acudir o Campionato do Mundo de Maratón.

A terceira das probas nas que participarán padexeiros breoganistas é a quinta regata da Liga Provincial de alevíns e benxamíns, que se celebrará en Vilanova de Arousa tamén durante a xornada dominical, a partires das 11:00 horas. O club grovense inscribiu un total de 24 participantes para esta regata. A continuación, a relación de padexeiros por modalidade e categoría de idade:

K-1 benxamín feminino: Abigail Devesa, Aladara Gorrita e Laura Piñeiro.

K-1 benxamín masculino: Brais Martínez, Eloy Fernández, Gabriel Fernández, Lucas Fernández e Nacho Alfonso.

K-1 alevín “B” feminino: Carme Devesa, Sheila Rodríguez, Valeria Oliveira e Yolanda Oliveira.

K-1 alevín “A” feminino:  Antía Prieto, Carmen Cerviño, Inés Parada, Laura Castro, Lola Cerviño e Marta Mourelos.

K-1 alevín “A” masculino: Ángel Fernández, Anxo Pérez, Juan Mascato, Marta Prieto, Martín Prieto e Manuel Rodríguez.

Leave a Reply

Your email address will not be published.