O Breogán participa activamente nos campamentos de verán

O club de piragüismo grovense cedeu as súas instalacións e os seus materiais a diferentes actividades organizadas tanto polo concello coma por outros clubs locais.

campamento de verán
Asistentes ós campamentos de verán organizados polo Concello do Grove.    FOTO: Deporte O Grove
breogan campus

Os asistentes ó Campus de Balonmán Juan de Dios Román practicando piragüismo. FOTO: C.M.D.C. Breogán

Durante os meses estivais , o Club Marítimo Deportivo e Cultural Breogán do Grove participou activamente no desenvolvemento dos  campamentos deportivos de verán que a concellería de deportes e xuventude do concello do Grove organiza nestas datas. A actividade resultou ser todo un éxito de participación, acadando os 170 inscritos ó longo de todo o verán. O obxectivo desta actividade era achegar ós nenos á práctica de diferentes deporte, coma por exemplo o piragüismo, aproveitando esta época de vacacións na escola. Isto, unido á boa climatoloxía que soe reinar nesta época do ano, permite gozar desta modalidade deportiva ós nenos e  nenas grovenses e tamén ós cativos que pasan na localidade meca as súas vacacións (este ano había cativos chegados de diferentes puntos da península e mesmo doutros países, coma Alemaña ou Estados Unidos).

Onte, último día do campamento deportivo, foi o momento das despedidas, xa que toca volver ó cole  e ós compromisos da vida cotiá. Dende o Breogán queren expresar o seu agradecemento tanto a tódolos nenos que participaron nesta actividade coma ós seus pais por depositar a súa confianza no club meco ó longo destes meses.

Asemade, o C.M.D.C. Breogán tamén colaborou coa organización doutros campamentos nos que estaban implicados clubs deportivos locais. Dita colaboración consistiu en recibir nas instalacións do club e ceder material para que puidesen gozar dun día de piragüismo os asistentes ó Campus de Balonmán Juan de Dios Román ou o Verán de Basket en Inglés co Club Baloncesto O Meco.

Leave a Reply

Your email address will not be published.