A LGT 2015 pon o punto e final esta fin de semana

Durante o sábado e o domingo disputaranse as últimas probas puntuables da Liga Galega de Traíñas. Asemade, terá lugar o play-off de ascenso, co que quedará resolto a composición dos dous grupos para o vindeiro ano.

presentacion lgt
Momento dunha das regatas disputada esta tempada na LGT.       FOTO: ligalgt.com

 A tempada LGT chega a súa fin esta fin de semana. Durante os vindeiros dous disputaranse tres bandeiras e os play-off de ascenso que poñerán o punto e final das tres liguiñas que conforman a Liga Galega de Traíñas. Dúas das tres ligas xa coñecen os seus campións: C.R. Mecos na LGT-B e Cabo de Cruz na LGT feminina. A primeira división do remo galego ten vencedor virtual, os grovenses do Amegrove C.R. ós que lles basta con rematar cuartos na regata desta fin de semana para acadar o título. A primeira das probas en disputarse será a I Bandeira Feminina Concello de A Pobra, que terá lugar mañá. Para o domingo quedan a X Bandeira Concello de A Pobra e a II Bandeira Baía de Mera (proba que se ía disputar a pasada fin de semana e que tivo que ser suspendida por mor do mal tempo).

O sábado a partires das 17:00 horas terán lugar as primeiras quendas de play-off de ascenso da LGT. Logo chegará a quenda das féminas, que remarán para acadar a bandeira do Concello da Pobra, proba que se disputa por primeira vez. A regata ten como único aliciente saber se as mulleres boirenses serán quen de vencer en todas as probas puntuables da liga, xa que teñen no peto o título de liga. Unha vez rematada a regata procederase á entrega da I Bandeira Feminina Concello de A Pobra e tamén a Bandeira que acredita ás de Cabo de Cruz como as vencedoras da tempada 2015 na primeira edición da Liga Galega Feminina de Traíñas. A disputa de dúas quendas da LGT-A poñerá o pecha desta xornada.

Para o xornada dominical queda un programa máis que interesante. Dende as 11.45 horas os afeccionados ó remo poderán gozar coa segunda e última xornada dos play-off de ascenso, onde se decidirán a composición das dúas divisións do remo galego para a vindeira tempada. Unha vez rematada as quendas do play-off, as embarcacións da LGT-A disputarán as quendas contrar-reloxo. Os tempos que se acaden serán sumados ós logrados o sábado e do cómputo resultante sairá o vencedor da X Bandeira Concello da Pobra. Durante a cerimonia de premios tamén se fará entrega da bandeira ó club campión da primeira división de remo galego. Pola tarde disputarase a II Bandeira Baía de Mera, en Oleiros (a proba, prevista para a pasada fin de semana, debeu suspenderse por mor do mal tempo). Nesta regata competirán os clubs da LGT-B e da LGT Feminina. O resultado non fará variar os campións destas dúas ligas. Xunto coa entrega das bandeiras ós vencedores da proba tamén se procederá á entrega ó C.R. Mecos da bandeira que o acredita como o campión da LGT-B desta temporada. E deste xeito rematará a tempada 2015 da LGT.

REGATA DE LA CONCHA

Os remeiros do Amegrove C.R. viaxarán ata San Sebastián para participar na fase clasificatoria da regata de La Concha o vindeiro xoves . Os homes dirixidos por Diego Portela teñen moitas esperanzas postas en facer un bo papel na cita máis prestixiosa do remo nacional. Os mexiloeiros levan preparando a regata donostiarra durante as últimas semanas. Ademáis, case con total seguridade que esta fin de semana proclamaranse campións da LGT-A, polo que chegarán a La Concha repletos de moral. Acadar a clasificación para a quenda de honra sería un gran colofón para esta exitosa tempada.

 

Leave a Reply

Your email address will not be published.