“Hai equipo para quedar entre os tres primeiros da Liga”

Jose Diego Portela Castro (O Grove, 06/05/1976) é unha lenda viva do remo grovense. A súa vida sempre estivo ligada ó deporte das traiñeiras. Competiu no máis alto nivel e tamén desempeñou labores administrativas tanto no club da súa vida como na Liga Galega de Traiñeiras. O Amegrove C.R. non sería o que é sen a labor de Portela, xa que fixo de todo na entidade. Foi presidente, directivo, adestrador e remeiro. Con moitos anos de experiencia ás súas costas, nestes momentos compaxina a labor de adestrador coa de remeiro. Esta tempada tentará levar a traiñeira grovense ata a elite nacional.

diego portela

DM: Nos últimos tempos hai un debate no mundo do remo sobre se sería unha boa idea organizar regatas entre a LGT e a ACR. Ti que opinas?

Diego: Creo que sería un paso adiante moi grande. De feito, durante os catro anos que estiven coma presidente da liga intenteino en varias ocasións, pero por unhas cousas ou por outras non saíu. A maior dificultade é atopar datas libres, o calendario está moi comprimido. Tamén está o gasto que suporía para os clubs o desprazamento por exemplo, tendo que moverse ata Cantabria ou o País Vasco… De tódolos xeitos pareceríame unha gran idea, penso que significaría unha ilusión moi grande para os remeiros o poder competir en regatas deste nivel.

DM: Un remeiro con tantos anos de experiencia coma ti, cal pensa que é a forma de potenciar o remo?

Diego: Moita xente pensa que hai que buscar xeitos de atraer público ás regatas, de facer máis atractivas as probas para as televisións… Este deporte, non sei por que, polo que sexa, non ten tirón, non engancha ó público. Pero teño clarísimo que o camiño para potenciar ó remo é espertar a ilusión do remeiro. O principal problema é a falta de estímulos para os remeiros. O remo é dos remeiros.

Deporte Meco (DM): En canto ó Amegrove C.R., cal é a túa valoración da tempada pasada?

Diego Portela (Diego):  Foi unha tempada boa en canto a resultados. Os comezos foron difíciles porque houbera moitas baixas, un cambio de adestrador (Truco marchou), e había que facer un equipo novo. Cando eu aceptei facerme cargo do equipo foi coa condición de que non houbera presión polos resultados. Ó principio eramos moi poucos no equipo. Era difícil convencer á xente, porque había moita incertidume. Pero cando comezamos o traballo a principios de novembro a xente foi arrimándose pouco a pouco.  Antes de comezar a tempada todo o mundo dicía que eramos carne de canón e logo, ó final, andivemos moito mellor do que se espera. Eu sabía que coa xente que tiñamos poderíamos dar un bo nivel. A varios xa os tivera en categoría cadete e foron campións de España e sabía o que podían dar. A miña dúbida era o nivel de implicación, porque no nivel no que estamos fai falla coidarse moito, e os rapaces están nunha idade na que che apetece saír e tal… Outra das dificultades era como responderían os veteranos. Cando ves de gañar tres ligas pode resultar complicado que a xente veterana se involucre nun novo proxecto de reconstrución. Por sorte estivemos ó lado dos rapaces e iso foi moi importante.

DM: Supoño que comezar con bos resultados axudou…

Diego: Si, moito.  A xente cando se viu levantando unha bandeira non o cría. Eu dicíalles, este equipo ten máis potencial do que credes, se traballamos ben podemos aspirar á liga.

DM: E o final case campións e clasificados para os playoff de ascenso á liga ACT.

Diego: Foi quizais coma un premio para o equipo ó traballo feito durante toda a tempada. Tiñamos moita ilusión de remar entre os grandes. E pensabamos que eramos capaces de dar o nivel. O problema foi que chegamos xustos de forzas. O primeiro día estivemos nos tempos e deixamos as portas abertas, pero no segundo día xa non fomos quen, faltáronnos forzas.

Chegamos moi xustos ós playoff de ascenso. Faltáronnos forzas

DMUnha mágoa. E logo a participación na regata da Concha…

Diego: Outro premio para os rapaces. Eu alegreime moito porque é unha experiencia única. Algún pode ser que non volva a vivir unha regata como esta. Pódese dicir que é o Mundial do remo. Coincidiunos que tivemos unha regata en Ribadeo e xa aproveitamos e fomos para alí. Foi unha experiencia bonita no sentido de convivencia de equipo. No aspecto deportivo pecamos un pouco debido ó noso barco. Competimos contra clubs que na súa maioría contaban con embarcacións de última xeración. A nosa ten problemas co vento en popa. De feito, na primeira virada estábamos en tempo para entrar na final, pero despois de virar…

DM: A piques de comezar a nova temporada, como se presenta?

Diego: Houbo cambios na tripulación. Houbo xente que marchou a remar a Tirán con Truco, outros deixárono por idade ou falta de tempo, e custoume un pouco facer o equipo. Estamos moi xustiños, pero eu estou contento co equipo que hai. Volveron algún remeiros que o deixaran, como Óscar, Eduardo, Xoán, Pablo Casas ou Andrés. Temos a sorte de contar con algún remeiro que podería estar remando onde quixese e está con nós.

DM: Que obxectivos vos marcades?

Diego: Penso que hai equipo para estar entre os tres primeiros outra vez. Sería bonito pelexar pola liga outra vez, pero hai que ser realista, Mugardos reforzouse con xente que estaba en Meira, o Coruxo acaba de ascender pero conta con remeiros de moito nivel porque se nutre da zona de Vigo e arredores… De tódolos xeitos nos temos que saír a por todas. 

Hai equipo para estar entre os tres primeiros outra vez.

DM: Pensas que a boa tempada realizada o ano pasado poder ser prexudicial?

Diego: Xa tiven que dar algún toque de atención, porque como fomos ben o ano pasado, a xente relaxase un pouco. Ó nivel no que estamos non vale estar a medias. Hai que estar a tope e coidarse moito.

Xa tiven que dar algún toque de atención. Neste nivel non vale estar a medias

DM: Que opinas sobre o recente cambio de directiva que houbo no club?

Diego: Estou moi contento. Entrou xente nova con novas ideas.  O club estase estruturando mellor. A verdade é que eu xa andaba un pouco queimado e necesitaba un relevo. Xa eran moitos anos e, parece que non, pero hai que facer moito papeleo e moita burocracia…

Leave a Reply

Your email address will not be published.