“Non esperaba ser seleccionada para o Mundial”

Eva Gómez Campelo (21/10/91, O Grove) é un moza da vila que tenta labrarse un futuro na docencia e á que lle gusta o deporte. Pero tamén é unha das xogadoras máis destacadas do equipo grovense feminino de fútbol gaélico, Mecas F.G. Este ano viviu experiencias inesquecibles grazas a este deporte: xogar un mundial coa selección galega en Abhu Dabhi ou participar na competición máis importante do fútbol gaélico, o All-Ireland como convidada nun equipo combinado europeo. A pesar do carácter minoritario do fútbol gaélico, nos últimos tempos estase a experimentar un gran auxe neste deporte, aumentando número de practicantes e, consecuentemente, na creación de novos clubs. A pesar da declararse altamente tímida e pasar vergoña cos recoñecementos en público, Deporte Meco conseguiu que a futbolista grovense aceptase a nosa invitación e charlase cun dos nosos redactores.

Eva gómez 1
Eva Gómez durante un partido coa selección galega.                                        FOTO: Mecas F.G.

Deporte Meco: En primeiro lugar, dende Deporte Meco queremos agradecerche que aceptases realizar esta entrevista, xa que sabemos que non estás moi cómoda neste tipo de situacións. Para empezar, cómo comezaches na práctica do fútbol gaélico?

Eva Gómez (Eva): Uns mozos da vila empezaron a xogar a este xogo, e un grupo de amigas fomos a ver de qué se trataba, e a verdade é que nos chamou moito a atención. Un deporte descoñecido, que se xogaba coas mans, cos pés… e quixemos probalo. Gustounos e comezamos a falar entre nós de que tiñamos que formar un equipo feminino de fútbol gaélico, e así foi como comecei. Este é o segundo ano.

DM: Antes do fútbol gaélico, practicabas algún deporte?

Eva: Si, pasei por moitos. A min gústame probar diferentes actividades deportivas, e no Grove hai moitos clubs nos que se practican deportes do máis variado. No pasado practiquei natación, estiven moitos anos facendo piragüismo, despois balonmán e o último deporte que practiquei antes do fútbol gaélico foi o baloncesto.

DM: Que é o que máis che gusta do fútbol gaélico?

Eva: Trátase dun xogo moi dinámico, no que utilizas diferentes partes do corpo, ten tamén a súa estratexia… Non sabería dicir que é o que máis me gusta pero resulta moi diferente a todo o que probara ata o de agora.

DM: E o que menos?

Eva: Quizais que ó tratarse dun deporte de exterior dependes das condicións climatolóxicas. Cando chove ou vai frío… ufff (risas).

O fútbol gaélico está nun momento de expansión.

DM: Participaches no pasado All- Ireland, a competición máis importante de fútbol gaélico. Cómo remataches alí? Qué tal a experiencia?

Eva: A directiva do equipo (Mecos F.G.) comunicounos que existía a posibilidade de poder participar neste evento formando parte dun combinado europeo. O inconveniente era que a que quixera participar debía costearse a viaxe. Mediteino e pareceume unha excelente oportunidade de visitar o berce do noso deporte e de ver e vivir de preto cómo se xoga “realmente” ó fútbol gaélico. A experiencia foi impresionante. Invitáronnos a presenciar a final feminina do campionato, que se celebrou no Croke Park de Dublín, coas bancadas ateigadas de xente, con máis de 80.000 espectadores.

eva gomez 3

Eva Gómez, xunto a Alba e Andrea. As tres xogadoras do Mecas FG participaron no All-Ireland do pasado ano nun equipo combinado europeo. FOTO: Mecos F.G.

DM: E ademais tamén formas parte do combinado galego. Dende cando?

Eva: A miña primeira participación coa selección galega coincidiu co seu partido de estrea. Foi un encontro amigable que xogamos o ano pasado aquí no Grove, no campo municipal de Monte da Vila contra o combinado de Irlanda. Dende que xurdiu o combinado autonómico tiven a sorte de que contaran comigo.

DM: Agardabas a chamada da selección autonómica?

Eva:O ano pasado era máis sinxelo porque só eramos tres equipos en Galicia. Este ano, cando foi a convocatoria para acudir ó Mundial de Abu Dabhi non o esperaba porque xa había máis equipos (agora son 7), e a competencia e o nivel aumentaran. Por exemplo, agora hai máis xogadoras, e algunhas delas proceden do fútbol e teñen a técnica do disparo máis pulida.

DM:  Que tal a experiencia en Abu Dabhi?

Eva: Xenial! Estivemos por alí case unha semana, aínda que en ir e vir xa van case dous días.  Unha das cousas que máis me chamou a atención foi o tremendo contraste cultural que me produciu. É totalmente diferente ó que estamos acostumados a ver: mulleres pola rúa vestidas co burka, os homes coas túnicas, á hora do rezo anúnciase pola megafonía das mezquitas e todos deixan o que estean a facer e póñense a rezar, incluso no medio da rúa!…  Cando regresamos á vila recibíronnos cunha caravana de coches. Foi moi emocionante.

DM: E dende o punto de vista deportivo?

Eva: Había moito nivel. Xogadores e xogadoras con moita calidade. Nos iamos máis que nada para probar e vivir a experiencia. Non tiñamos grandes aspiracións. De feito perdemos dous dos tres partidos que xogamos, pero competimos e quedamos terceiras. Unha das integrantes do equipo nacional do Canadá sorprendeuse ó saber que só facía dous anos que comezamos a practicar o fútbol gaélico e felicitounos porque para levar ese tempo xogabamos bastante ben. Aprendemos moito durante a competición.

Durante o Mundial recibimos felicitacións porque o fixemos bastante ben para o pouco tempo que levamos xogando

eva gomez 2

Mario, Eva e Matías participaron coa selección galega no mundial disputado en Abhu Dhabi. Na imaxe, os tres mecos coñocendo a cidade. FOTO: Mecos FG.

DM: Unha vez remata a tempada, cal é a túa valoración?

Eva: Pois estou moi orgullosa, tanto do meu equipo como do masculino tamén. Temos moitas trabas. Adestramos tres días por semana: luns, mércores e venres. Algunhas das integrantes do equipo estudan fóra da vila, e resulta moi complicado conseguir adestrar todas xuntas. E claro, iso nótase logo no terreo de xogo. Fixémolo todo o mellor que puidemos. Tamén destacar o bo ambiente dentro do vestiario. Aínda que hai un rango bastante amplo de idades (contamos con integrantes de entre 15 e 30 anos) no equipo levámonos moi ben. As máis novas que chegaron hai pouco aportaron moita ilusión.

DM: Polo que dis, é nos partidos onde se nota esa falta de adestramentos todas xuntas.

Eva: Si, por exemplo cando participamos nalgunha das citas do Torneo Ibérico. Neste tipo de competicións é onde máis se aprende. Xogas contra outros equipos nos que hai xogadores irlandeses e sempre aprendes cousas. E logo tamén está o famoso terceiro tempo, que serve para que te relaciones co resto de xogadores e crea un moi bo ambiente durante toda a competición. Todo isto propicia que vivas máis o deporte.

DMPolo que nos contaron, os irlandeses doutros equipos danvos consellos

Eva: Si, unha das cousas que nos comentan é que xogamos sempre buscando o gol (seguramente pola influencia do fútbol). Eles xogan con máis estratexia e ás veces a busca do gol non sempre é a mellor opción.

DM: Dende a túa perspectiva como xogadora, cómo ves a actual situación do fútbol gaélico?

Eva: O gaélico está nun momento de expansión. En moi pouco tempo experimentou un crecemento importante. Cada vez máis persoas en Galicia se interesan e queren practicar o gaélico. E as previsións seguen nesa liña. Xa se está a falar de que se están formando novos equipos para competir a próxima tempada na Liga Galega. Todo son boas novas.

DM: E nun ámbito un pouco más privado, que proxectos tes para o futuro, tanto deportiva coma persoalmente?

Eva: O meu futuro está un pouco no aire. Actualmente estou preparando a oposición para Educación Infantil. Sinceramente vexo complicado obter praza. Supoño que se non a saco seguirei estudando… Tampouco sei se nun futuro terei que moverme… O que teño claro e que mentres poida compaxinarei os estudos co deporte.

FÚTBOL GAÉLICO, ESE GRAN DESCOÑECIDO

O fútbol gaélico é un deporte moi popular en Irlanda. Para facerse unha idea bastante próxima pódese definir como unha mestura entre o fútbol e rugby.

HISTORIA: A opinión máis estendida sobre a orixe deste xogo afirma que se trata dunha evolución do antigo fútbol irlandés (“Peil Ghaelach o Caid”), que se practicaba a mediados do século XVI. O xogo tal e como o coñecemos na actualidade é o resultado dunhas regras establecidas pola Asociación Atlética Gaélica a finais do século XIX.

COMO SE XOGA: Enfróntanse dous equipos de 15 xogadores nunha cancha de céspede rectangular con porterías en forma de H a ambos lados. O obxectivo principal é anotar puntos, introducindo o balón na portería contraria. Dependendo de si o balón pasa entre os dous postes ou por enriba do largueiro da portería, a puntuación é diferente, 3 e 1 punto respectivamente. O equipo gañador é o que máis puntos consiga ó final do partido. Os xogadores avanzan polo terreo de xogo levando o balón nas súas mans. Tamén poden utilizar os pés para patear o esférico. O que se pretende é ir pasando a pelota dun compañeiro a outro e chegar ata o marco contrario e conseguir anotar.

Non hai mellor explicación que ver de que estamos a falar:

http://www.youtube.com/watch?v=zZs1lCbqyRk

Leave a Reply

Your email address will not be published.