Os 8km. de Poio contaron con participación meca

Alfonso Barreiro Padín, do C.D. Ría de Arousa, tomou parte na proba disputada o pasado sábado rematando na 89º posición.

alfonso barreiro
Na imaxe, Alfonso Barreiro Padín, único representante do Club Deportivo Ría de Arousa do Grove na proba.   FOTO: C.D. Ría de Arousa do Grove

Por segundo ano consecutivo a localidade pontevedresa de Poio acolleu unha proba de atletismo con motivo das festas na honra de San Xoan. O evento deportivo, organizado por Gestsport Galicia en colaboración co Concello de Poio, contou cun percorrido de oito kilómetros para os corredores das categorías junior, promesa, senior e veterano. Os participantes tomaron a saída dende o Parque da Memoria en A Seca e remataron a proba no Centro Comercial A Barca, onde se situou a liña de meta. A proba tamén pensou nos atletas de menor idade e preparou circuitos con distancias máis asequibles: categoría chupete (de 0 a 5 anos), 100 metros aproximadamente; pitufo (de 6 a 7 anos), 300 metros aproximadamente; benxamín (de 8 a 9 anos), 500 metros; alevín (de 10 a 11 anos), 500 metros aproximadamente; infantil (de 12 a 13 anos), 1 kilómetro; cadete (de 14 a 15 anos), 1 kilómetro; e categoría xuvenil (de 16 a 17 anos), 1,5 kilómetros. En total, máis de dous centenares de corredores tomaran parte na carreira. Por mor das altas temperaturas, as probas comezaron a partir das 20:00 horas, cando tomaron a saída os atletas que pertencían ás categorías absolutas.

O gañador da proba foi Jorge Torres Torres, que parou o crono en 28:39.24 minutos, cun ritmo de 3:15 minutos ó kilómetro. Completaron o podo Abel Barros González (Atletismo +9 Moraña) e Diego Gozález Martínez (Club Deportivo Pinarium). O Club Deportivo Ría de Arousa do Grove estivo representado na figura de Alfonso Barreiro Padín, que competiu na categoría Veterano B masculina e que acadou o posto 89º na clasificación xeral e a décima posición da súa categoría, completando os oito mil metros do percorrido en 37:31 minutos, a un ritmo de 4:16 minutos o kilómetro.

Unha vez que remataron as carreiras de todas as categorías, e despois de recuperar forzas cos refrixerios e bebidas que a organización tiña á disposición dos participantes, tivo lugar o acto protocolario de entrega de trofeos e medallas. Os corredores que cruzaron a liña de meta das categorías dende chuepete a xuvenil recibiron unha medalla que acreditaba a súa participación na proba. Nas demais categorías, tan só foron premiados os corredores que acadaran as tres primeiras posicións. Así mesmo, tamén houbo un trofeo especial para o primeiro clasificado nado no Concello de Poio.

Leave a Reply

Your email address will not be published.