A S.D. Amanecer perde o título de liga na última xornada

O equipo de San Vicente chegaba ó derradeiro partido do campionato como líder, cun punto de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Umia C.F. A vitoria aseguraba o campionato para os homes adestrados por Alfonso García, pero non foron quen de pasar do empate na casa contra o Ciudad de Pontevedra. Pola súa banda, os de Barrantes fixéronse cos tres puntos e superaron ós grovenses na táboa de clasificación. 

 DSC_0859 Momento dun partido da S.D. Amanecer disputado a tempada pasada.    FOTO: deportemeco.com

Antes de disputar a última xornada, no grupo 11º da segundo autonómica galega, dous equipos optaban a facerse co título ligueiro. O primeiro e o segundo clasificado (S.D. Amanecer e Umia C.F.) estaban separados por un punto soamente. Con tanto por decidir, a Federación decidiu que houbese unificación de horarios nos partido nos que participasen algún dos equipos implicados. Ás 18:00 horas comezaban os partidos. Non podía ter mellor comezo para os intereses do equipo grovense. Cando apenas se levaban dez minutos de partido, Manuel Alejandro Prieto Pol adiantaba no marcador á S.D. Amanecer. Todo se poñía de cara para lograr o título. Cinco minutos máis tarde chegaban boas novas dende A Bouza. O equipo visitante poñíase por diante no taboleiro de marcas. Mediada a primeira metade o Umia C.F. conseguía igualar o duelo ante o Catoira S.D. Co remate da primeira metade, o virtual campión de liga era o Amanecer. Nos primeiros compases dos segundos 45 minutos o equipo de Barrantes dáballe a volta ó marcador. Os dous aspirantes gañaban os seus respectivos duelos. Pero todo ía dar un xiro de 180º cando no minuto 70, nas Lampáns, o Ciudad de Pontevedra, grazas a un tanto de Martín Durán Rodríguez, igualaba o marcador. Nese intre o Umia C.F. era o campión de liga. O panorama tornaríase máis escuro cando dous minutos máis tarde o equipo capitalino conseguía adiantarse no marcador mediante o gol anotado por Alexandre Lima Piñeiro. As cousas poñíanse moi costa arriba para os grovenses. Mentres tanto, dende Barrantes, chegaban novas de varios tantos locais. Quedaba algo máis dun cuarto de hora e a S.D. Amanecer necesitaba marcar dous goles para ser campión. Iván Castro Lois acadaba a igualada. Regresaba a esperanza. Pero o gol do triunfo nunca chegou. Co asubío final esfumouse a posibilidade de proclamarse campión. Non puido ser. O título ligueiro viaxaba ata A Bouza.

Deste modo remata a tempada para a S.D. Amanecer. Despois de conseguir o ascenso directo hai xa unhas xornadas e ocupar o liderado da clasificación durante boa parte do campionato, o broche de ouro era acadar o título de campión de liga, pero escapouse no último partido da tempada. Este feito non debe escurecer o gran ano para os homes dirixidos por Alfonso García, que acadaron un feito histórico. A vindeira tempada  a entidade de San Vicente competirá na 1ª autonómica por primeira vez na historia do club grovense.

Leave a Reply

Your email address will not be published.