Dúas embarcacións do C.R. Mecos loitarán no Campionato de España esta fin de semana

A vindeira fin de semana celebrarase en Santander a LXIX edición do Campionato de España de Traiñeiriñas. A tripulación senior feminina e a xuvenil masculina do C.R. Mecos tomarán parte na proba.

juveniles mecos
A tripulación xuvenil masculina do C.R. Mecos durante o Campionato Galego celebrado a pasada fin de semana.    FOTO: C.R.Mecos

A semana pasada celebrouse en augas do Concello de Boiro o Campionato Galego de Traiñeiriñas. A maiores do título autonómico, na regata tamén se disputaron os postos (dez entre as tres categorías) que daban dereito a participar no Campionato de España desta vindeira fin de semana, que se celebrará en augas do Concello de Santander. Na organización do evento máis importante do remo a nivel nacional ademais da Federación Española de Remo, colaboran a Federación Cántabra de Remo, o Concello de Santander e o Centro Especializado de Alto Rendimiento (CEAR) de Vela de Santander.

En representación de Galicia tomarán parte na cita estatal as seguintes embarcacións: na categoría absoluta masculina o C.R. Cabo de Cruz, a S.D. Tirán e o C.R. Naútico de Boiro. En categoría absoluta feminina o C.R. Chapela, o C.R. Mecos e a S.D. Samertolameu. Por último, na categoría xuvenil masculina participarán o C.R. Robaleira, o C.R. Mecos, a S.D. Tirán e o C.R. Cabo de Cruz. O elenco de participantes completase con 8 traiñeiriñas cántabras e 10 vascas. En total 28 embarcacións divididas en tres categorías (10 na xuvenil masculina, 8 na absoluta feminina e 10 na absoluta masculina).

O comezo do campionato está programado para as 18:00 horas do sábado 6 de xuño, cando se disputarán as regatas que decidirán qué clubs optarán a facerse con cetro nacional. Na xornada seguinte, a partires das 10:30 horas, celebraranse as roldas de honra. A primeira delas será a final de consolación, entre as embarcacións que quedaran eliminadas o día anterior. Logo virán os pratos fortes da fin de semana. As finais. As tripulacións vencedoras proclamaranse campioas de España. A alegría para uns, mentres ondean a bandeira que acredita que son o mellor club de España, ou a tristura para outros, por ter estado tan preto de logralo.

Os representantes do remo grovense acoden á cita con posibilidades de facer algo grande. As mulleres do C.R. Mecos chegan nun gran momento de boa forma, conseguindo grandes resultados nas últimas regatas nas que participaron. O reto é grande, xa que terán que competir contra clubs máis potentes, coma son Orio, Astillero ou Santoña. Pero as mecas non deben renunciar a nada. O mar ditará sentenza. No caso da outra tripulación grovense, a dos xuvenís do C.R. Mecos, os rapaces chegan á cita coa bitola de favoritos. A pesar de que nas últimas regatas non acadaron o primeiro posto, este equipo xa demostrou que é quen de gañar ós mellores. Non sería a primeira vez que se proclaman campións de España.

Leave a Reply

Your email address will not be published.