Nova edición do Torneo Deportivo Interescolar

Os alumnos de sexto curso dos catro centros de Educación Primaria do Grove competirán en diferentes modalidades deportivas na cuarta edición deste evento, que se celebrará os vindeiros 5 e 6 de xuño.

980718_10200144561756788_1422457517_o
Participantes durante a edición do 2013.                                                              FOTO: Fredi Bea

Os nenos e nenas do Grove que lles guste o deporte están de noraboa. A vindeira semana celebrarase na vila unha nova edición dos Torneos Deportivos Interescolares. A actividade, organizada pola Concellería de Deportes, terá lugar os días 5 e 6 de xuño, e, como cada ano, consistirá en  competicións deportivas entre os catro colexios de Educación Infantil e Primaria da vila: As Bizocas, Conmeniño, Rosalía de Castro e Valle Inclán. Despois do cambio do ano pasado, no que se apostou por xogos populares, o evento desta edición contará coas catro modalidades habituais: fútbol sala, minibaloncesto, balonmán e brilé. Os equipos participantes estarán formados por alumnos e alumnas do sexto curso de primaria, e haberá categoría masculina e feminina. No caso de que algún centro non xuntara nenos ou nenas para formar equipo nunha das dúas categorías, estará permitido crear un equipo mixto, que competiría na categoría masculina.

A primeira modalidade en disputarse será o fútbol sala. Os partidos comezarán o venres 5 a partires das 16:30. Na xornada seguinte, será a quenda do minibaloncesto, o balonmán e máis o brilé. Os enfrontamentos comezarán ás 10:30. Haberá unha pausa para que os participantes coman. A Concellería de Deportes encargarase de proporcionar bocadillos e froitas para que os nenos e nenas recobren forzas para afrontar os partidos da tarde. A competición rematará arredor das 20:00 horas.

En cada unha das disciplinas haberá un colexio gañador, que recibirá o seu correspondente trofeo. O colexio que obteña mellores resultados no conxunto das catro probas proclamarase Campión dos Torneos Interescolares 2015 e entregaráselles un trofeo conmemorativo que pasará a ocupar un lugar destacada nas vitrinas do seu colexio.

Leave a Reply

Your email address will not be published.