O Rasoeiro B.M. logra o cuarto posto na Copa Federación

O Rasoeiro B.M. rematou a súa participación na Copa Federación da 1ª autonómica acadando o cuarto posto. O equipo meco non foi quen de superar ó Balonmán Pabellón Ourense na primeira das semifinais do torneo que se disputou a pasada fin de semana na cidade das burgas, no pavillón de Os Remedios. No encontro polo terceiro e cuarto posto foron derrotados polo Balonmán Porriño Galserco.

 rasu2
O C.B. Rasoeiro durante un partido desta tempada.                                                                                                           Foto: C.B. Rasoeiro

Os xogadores dirixidos por Rasu disputaron na tarde do sábado un emocionante encontro ante o equipo local, o Balonmán Pabellón Ourense, no partido inaugural da fase final da Copa Deputación da 1ª autonómica. O duelo estivo marcado pola igualdade. O conxunto grovense mandaba no marcador, pero sen grandes vantaxes. Ó descanso chegábase cun axustado 10-12. A segunda metade seguiu a mesma tónica, e soamente un maior acerto nos minutos finais por parte dos locais privou ó Rasoeiro de acceder á final da Copa.

Coa decepción de ter estado a piques de disputar o partido polo título, o conxunto meco xogaba na xornada dominical o encontro polo terceiro e cuarto posto que o enfrontaba co perdedor da outra semifinal, o Balonmán Porriño Galserco, quen caera derrotado ante o Conservas Boya Camariñas por 26-22. O equipo de Rasu tampouco puido levarse a vitoria neste encontro. Dende os primeiros minutos do partido o equipo porriñés estivo por diante no electrónico e os grovenses sempre foron a remolque, sen atopar a maneira de acurtar a distancia de goles co rival. Ó remate dos 60 minutos regramentarios o electrónico reflectía un 28-25 a favor dos coruñeses.

Co cuarto posto acadado na Copa Federación disputada en Ourense, e tras rematar no octavo posto na primeira división autonómica, o C.B. Rasoeiro aínda non pon punto e final á tempada. Os rapaces do Rasoeiro deberán xogar pola promoción salvándose polos pelos do descenso directo (a liga contou con 13 equipos, dos cales 3 descenden directamente –Sar, Lavadores e Chapela-, e outros dous descenden –Culleredo e Teucro- ao haber dous equipos galegos na 1º estatal masculina). Así, os do Rasu xogarán pola promoción no derbi do Salnés enfrontándose ao Asmubal Meaño, celebrándose o partido no Grove esta fin de semana, e a que ven en Meaño.

Leave a Reply

Your email address will not be published.